XEOMETRIA HUMANIZADA.

A dura entraña dun país xeoloxicamente moi antigo, o granito, parece que se humaniza, que se ondula ou espónxase sen perder o orgullo da súa verticalidade ríxida cando é monumento no cumio do monte Alba, preto de Vigo, alí onde a mirada abrangue amplísimas perspectivas; alí onde a alma se serena e se escoita a inefable melodía do murmurio do vento. Se esperamos o atardecer, o sol é símbolo de lume entre a obra do artista escultor, cual ostenso imaxinario na interrogante que se insinúa.
É Francisco Xavier Dobao Fernández quen perpetúa a beleza, máis emotiva por máis sinxela. Artista fillo de artista-o seu pai é Pedro Dobao, escultor de renome, compartiu estudos de Belas Artes e Psicoloxía coa aprendizaxe dun oficio tan complexo como o de modelar, tallar, esculpir, fundir bronce e dobregar aceiros.
Foi deixando a súa obra polo mundo adiante, de Galicia a Galilea, humanizando o inanimado e totemizando o humano, dende formas corpóreas ou relevos de signo e texturas caprichosas, ás veces barroquizantes, por veces elementais, para que sexan pegada perdurable dunha man, curva airosa como un dobre búmeran ou acrobacia que se inicia na terra e a ela volve, tras ser arco e esforzo.
Pode darse o paradoxo de que a noite sexa luz e a lúa escuridade, en formas aristadas que se tensan adelgazándose, ou que un prisma perda entidade para ser pirámide que, dende a súa condición inestable, se asinta, cravada e expansiva.
Reflexivo, esixente, Francisco Xavier Dobao, é un escultor cuaxado que esixe encargos dada a monumentalidade da súa obra, sinxela e espectacular.

Francisco Pablos: da Real Academia de Belas Artes.